Wednesday 08 de May de 2024

O CAE 112 Galicia equiparará a súa xestión á dos Centros de Emerxencias Europeos


O Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia optará a unha nova certificación de calidade promovida pola European Emergency Number Association (EENA)

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia, pertencente á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Vicepresidencia da Xunta, optará a unha nova certificación de calidade promovida pola European Emergency Number Association (EENA), a Asociación de Número de Emerxencias Europeo, cuxo obxectivo é equiparar o sistema de xestión dos centros de emerxencias integrados na Unión Europea. Para iso, deberanse acadar uns índices de calidade tanto na atención como na xestión iguais en todos os centros europeos. Isto permitirá que, independentemente da súa procedencia e do lugar no que se atope, calquera cidadán que chame ao número 1-1-2 recibirá unha resposta homoxénea ante calquera tipo de emerxencia.

O CAE 112 Galicia xa conta cun sistema de control e xestión da calidade do servizo. Así, ademais de estar certificado pola Norma ISO 9001:2008 e aprobar a Carta de Servizos, a Axencia Galega de Emerxencias pretende engadir unha nova certificación que porá ao 112 Galicia ao nivel doutros centros de emerxencias europeos. Deste xeito, a AXEGA prosegue na teima de acadar un sistema de calidade cada vez máis complexo que garante a correcta prestación do servizo e colme as expectativas dos usuarios.

As estatísticas avalan ao CAE 112 Galicia
A propia actividade do centro de emerxencias de Galicia servirá de aval para a consecución da certificación da EENA. O CAE 112 Galicia participou en 2014 en máis de 170 simulacros de emerxencias. O principal obxectivo dos exercicios simulados é capacitar á cidadanía e aos organismos para responder con éxito ante calquera situación de perigo. Conscientes de que a mellor protección é a prevención, durante este ano, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xunto coa AXEGA, promoveu unha vintena de exercicios de adestramento en empresas que pola súa actividade poden constituír un risco para a poboación. Igualmente, ambos organismos puxeron en marcha diversos simulacros ao abeiro do Plan de Cooperación Transfronteirizo (ARIEM 112), que facilita a asistencia recíproca en materia de emerxencias entre as Comunidades de Galicia e Castela-León e o norte de Portugal.

Dos máis de 170 simulacros rexistrados polo 112 Galicia, arredor de 70 se realizaron en centros educativos e a gran maioría puxo a proba a capacidade de resposta dos cativos e dos servizos de emerxencias locais ante un eventual incendio.Tamén se practicaron preto dun cento de hipotéticas evacuacións en diferentes centros de traballo.

Con frecuencia, a Axencia Galega de Emerxencias pon ao dispor os medios e a experiencia dos técnicos que forman parte do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) para, precisamente, colaborar na implantación dos plans de emerxencia exterior aos que están obrigadas as empresas de risco químico e medioambiental.

A web, punto de información útil para o cidadán
A páxina web do CAE 112 Galicia (www.axega112.org) continúa a ser un referente de información para a cidadanía, pois, durante o ano 2014, recibiu arredor de 620.000 visitas. Quen accede ao web do centro de emerxencias de Galicia pode consultar os boletíns informativos nos que se resume os sucesos máis destacados da xornada, unha guía de consellos de autoprotección para previr accidentes en estradas, no mar, no río, en piscinas, ante episodios de meteoroloxía adversa, en eventos con afluencia masiva de público; incendios, enxames, etc; e información sobre a activación de alertas por meteoroloxía adversa e plans especiais de protección civil.

Redución das chamadas “maliciosas”
As estatísticas do CAE 112 Galicia continúan a debuxar unha liña ascendente en canto á xestión de emerxencias. En 2014 se resolveron 2.500 intervencións máis -192.000- que no pasado exercicio. Igualmente, se mantén á baixa o número de chamadas atendidas –máis de 1.195.000 en 2014-. Outro ano máis, o ratio entre chamadas e incidencias xestionadas nos amosa un uso cada vez máis responsable dos servizos de emerxencias e un bo resultado das medidas adoptadas no CAE 112 Galicia para reducir as chamadas denominadas “maliciosas”.

290.000 mobilizacións
Para resolver as máis de 192.000 incidencias, en 2014, o persoal do 112 Galicia solicitou máis de 290.000 mobilizacións de efectivos e medios de asistencia sanitaria, seguridade, rescate e salvamento. A maior parte das intervencións tiveron lugar na Coruña –un 38 por cento-, seguida de Pontevedra – un 36 por cento-, Ourense – 13 por cento- e Lugo – 11 por cento-. No que respecta á tipoloxía das incidencias, os incendios, rescates e salvamento seguen a ser o tipo de emerxencia que se produce con máis frecuencia, seguido da atención sanitaria, o requirimento das forzas da orde e os accidentes de tránsito, ferroviarios, aéreos e laborais.